Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade > Ilusión e música de calidade no concerto de Solistas de Solfa no Teatro Principal

Ilusión e música de calidade no concerto de Solistas de Solfa no Teatro Principal

O Coro e a Banda de Solfa deron un concerto no Teatro Principal o pasado venres, día 25 de marzo, ás 21.00h. O concerto foi moi especial sobre todo para seis dos compoñentes da Banda que actuaban de solistas e que amosaron o seu bo facer coa música das frautas, trompeta, óboe e saxofón sobre o escenario ante un público que estaba entregado.

Primeiro, os asistentes puideron gozar coa actuación do coro da Agrupación Musical Cultural Solfa que dirixía,  Francisco Tobar Cereijo. ‘Nesta rúa’, canción popular de Brasil; ‘Minueto de Don Xoán’ de Mozart; ‘O cuco’ de Paz Valverde con letra de Manuel María; ‘Morriña’ de Vide; ‘Campanas de Bastavales’ de Xosé Carlos Seráns con letra de Rosalía de Castro; e ‘Ó Rama’, unha peza popular alentexana, foron os temas que interpretou o Coro.

A continuación, entrou en escena a Banda que comezou co ‘Concertino para frauta e banda’ de Waignein, no que se luciron como solistas Clara Otero Fernández, Bruno Fernández Crespo e Lucía Seráns Santos. Despois chegou o momento da trompeta, coa solista Belén Varela Suárez na peza ‘Pequeño Concerto para trompeta e banda’ tamén de Waignein. Trala trompeta, foi o turno da solista de óboe, Sara Bouzón Mouzo, con ‘Nostalxia de Jacob’ de Haan. A última peza foi a ‘Pequena Rapsodia para saxofón alto e banda’ de Waignein, que contou co saxofón solista Alexandre Louzao Carreira.

Todos os solistas eran mozos e mozas moi novas. Os nervios e, sobre todo, a ilusión eran máis que evidentes e o resultado do concerto dou fé do gran traballo que fan día a día estes rapaces da asociación Cultural Musical Solfa. De seguro que os aplausos recibidos os alentarán para seguir traballando e ofrecernos grandes concertos coma este no futuro.

Para pechar o concerto, ao que asistiu gran número de público, a Banda e o Coro uníronse no escenario para interpretar ‘Rosas’ de Xosé Carlos Seráns con letra de Manuel María. Sen dúbida un broche de ouro para unha estupenda noite de música de calidade, traballo e ilusión.