Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade > Concerto de Corais

Concerto de Corais

Satisfacción no concerto de corais.

Tarde máxica para a Coral Agarimo, a Coral Polifónica do Milladoiro e a Coral de  Solfa. Un concerto cheo de satisfacción polo traballo realizado por cada coral, unha posta en escena que envolveu o público e coralistas nun ambiente musical e festivo, no que rematamos todos gozando desa tarde-noite especial.

Abriu o concerto, baixo a batuta de  Rafael Pérez Dopeso, a Coral Agarimo coa interpretación de Zorongo, de F. García Lorca. Seguiron outras catro pezas máis. Aplausos merecidos para o director e coralistas.

Seguidamente Anne Tooming ao fronte da Coral polifónica do Milladoiro, deleitounos con Merlo branco, poema de Lois Pereiro. Continuou, entre outras, con música popular do Brasil e rematou con O vello labraba a leira, popular de Estonia. Unha mostra de diversidade cultural sempre apreciada e que debemos respectar e conservar como un ben patrimonio da humanidade.

A continuación,  a anfitriona, a Coral de Solfa, co seu director Francisco Tobar á fronte, mostrou un repertorio no que a nosa música, os nosos poetas, a nosa lingua e a interculturalidade teñen un lugar preferente.  Nesta rúa, de Heitor Villalobos, O Cuco, de A. Paz Valverde, letra de Manuel María, Campanas de Bastabales de Xosé Carlos Seráns e letra de Rosalía de Castro e Ó Rama, (popular Alentejana) así o demostraron.

Finalmente, rematamos esa noite petiscando ao redor dunha boa mesa, na que a gastronomía era o piar fundamental. Mais, como bos afeccionados ao canto, todos os coros nos fundimos en improvisadas interpretacións de cancións do noso patrimonio cultural. Formamos unha única coral creando novos lazos de amizade e compromisos para futuras citas.

Programa do concerto

Galería de imaxes do concerto