Archivo por autor
Cantos en Compostela
Cantos en Compostela vai levar o canto coral a catro dos barrios tradicionais dentro da programación das festas da Ascensión.
Esta proposta pretende xuntar os barrios nun evento común que facilite o estreitamento de lazos de amizade das formacións participantes co obxectivo común de difundir e promocionar a música coral en Compostela. A cidadanía poderá desfrutar dunha visión panorámica da escena coral compostelá que, de seguro, animará a máis dunha persoa a participar nas actividades destas formacións que en moitos casos teñen unha forte compoñente de relación e amizade.
Hai en Santiago de Compostela unha longa tradición de formacións corais que desenvolven un labor continuado e meritorio de amor á música e ao canto, moitas delas cun traballo formativo de décadas que dá lugar a unha oferta plural e diversa.
Velaí, polo tanto, un espazo de encontro para poder gozar das propostas musicais que as distintas formacións corais nos van ofrecer
Galería de fotos do concerto
“A nosa Historia”: Música na Galiza desde o século XII até o XIX
Miguel López Fariña, profesor de Historia da Música do Conservatorio Profesional de Santiago, disertará en tres xornadas sobre a importancia da música na historia de Galiza desde o século XII ate o XIX
Día 12 de abril: Trobadores e Xograres: A lírica na Galicia Medieval.
Desde o último cuarto do século XII até a segunda metade do s. XIV prodúcese na Galiza un movemento cultural de primeira orde: a lírica trobadoresca. A influencia da lírica provenzal precipita a formación dunha lírica en lingua galego-portuguesa. As cantigas non eran só textos poéticos, como tamén interpretados con música. Trobadores e xograres son os protagonistas dunha das épocas máis fecundas da música galega, eles son os artífices dun legado poético-musical único na nosa historia.
Día 19 de abril: As Capelas Musicais nas catedrais galegas.
As Capelas musicais eran as institucións máis importantes e daban emprego a moitos dos compositores e músicos máis destacados. Estaban formadas polo conxunto de cantores e instrumentistas que traballaban ao servizo dunha determinada catedral, mosteiro, igrexa ou corte, polo tanto desenvolvéronse tanto en ambiente relixioso como profano.
Deste xeito as capelas de música convertéronse non só en estruturas de interpretación musical, senón tamén en centros de composición, de copia e difusión de música, e, con certeza, en verdadeiras escolas de aprendizaxe musical.
Día 26 de abril: A “melodía galega” no século XIX.
O movemento cultural do s. XIX coñecido como Rexurdimento marcou un cambio de rumbo ao desenvolver unha literatura na lingua propia. A elevada calidade artística dos poetas estimulou os músicos a converteren en cantigas moitos dos textos. Así, Marcial do Adaíl, Xoán Montes, Pascual Veiga, Varela Silvari, Enrique Lens, José Castro “Chané” son algúns dos compositores que ao longo do século XIX e principios do XX cultivan o xénero da “melodía galega”, canto para voz e piano, música sobre textos poéticos en lingua galega. De novo, música e poesía camiñan xuntas no renacer dun novo esplendor e axudando a configurar unha nova identidade nacional.
Asemblea xeral dos socios e socias de Solfa
Convocatoria dos socios/as da Asociación Cultural e Musical Solfa para o día 28 de marzo, xoves, ás 16.30h. en primeira convocatoria e ás 17.00h. en segunda convocatoria no Centro Sociocultural das Fontiñas
Orde do día
- Aprobación da acta anterior, se procede.
- Dar conta das actividades realizadas no ano 2022
- Aprobación se procede do balance de ingresos e gastos do exercicio do 2021-2022
- Memoria de actividades para realizar no ano 2023
- Aprobación se procede do orzamento para o exercicio 2023
- Rogos e preguntas.
- Varios.
Santiago, 7 de marzo de 2023
A Presidenta de Solfa,
Asdo.: Lucía Carreira.
Memoria de actividades ano 2021 a 2022
Proposta de actividades para 2023
23 de febreiro día de Rosalía de Castro
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora, un ano máis, o Día de Rosalía de Castro.
O sábado día 25 de febreiro, ás 12 h., celebrarase o acto central no Panteón de Galegos Ilustres.
Carme Adán poñeralle voz ao Manifesto e a Coral de Solfa interpretará diversas cancións neste solemne acto.
Finalizarase coa lectura de diversos poemas da nosa poeta nacional.
Visita guiada ao Panteón Real
O martes, 29 de novembro, Vía Galega, en colaboración coa Asociación cultural e musical Solfa e coa Agrupación cultura o Galo, estamos a organizar dúas visitas guiadas por Francisco Rodríguez ao Panteón Real. Lugar, dentro da Catedral de Santiago, no que están soterrados reis e personalidades do Reino de Galiza.
Visita que nos dará a oportunidade de coñecer algo máis da nosa historia.
Haberá dúas quendas: a primeira ás 17.15h. e a segunda ás 18,15h. O foro máximo é de 25 persoas por grupo. Para asistir, é necesario apuntarse e pasarnos o nome, apelidos e DI antes do día 25.
Medios de contacto: asociacionsolfa@asociacionsolfa.gal