Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade

Actualidade

O 8 de xullo X Convivio da Cultura Galega

O  8 de xullo, sábado, celebramos o CONVIVIO DA CULTURA GALEGA. Este ano será a décima edición.

Xornada de encontro e festa na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, ao pé do río Miño.

O Convivio terá a seguinte programación:

11.15 Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María coa coral Solfa

11.45 Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizarnos unha ofrenda a Manuel María e Saleta. 

12.30 Actuación na carballeira da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales, e acompañada pola voz da fadista galega Iria Estévez e o guitarrista portugués Artur Caldeira. 

13.45 Xantar de convivio (Se nos avisan antes do mércores 5 de xullo, ás 20 horas, podemos reservar sitio nas mesas e cadeiras que imos pór na carballeira para o xantar). 

16.30 Foliada que conducirá Xurxo Souto na carballeira coas actuacións de Birloque Gaiteiros, Vento Mareiro, Zurrumalla, Xurxo Souto&Richi Casás, Os Parabéns, Balura, Tribo, e Tradivivas Agra.

Encontro do asociacionismo cultural de base. As directivas das entidades pertencentes a Galiza Cultura (e quen quixer…) reuniranse ás 12.15 no auditorio da Casa-Museo Manuel María para articular a súa actuación en común

Concerto na Praza das Praterias. Xuño 2023

 

 

 

 

 

 

 

Concerto coa participación do coro Crecente, Coral Solfa e  Aires de Bergantiños  na Praza das Praterías o próximo sábado, 17 de xuño, ás 20h.

Orgullo de Pais. Riqueza. Riqueza cultural e musical enorme. Desde Bergantiños até Compostela, a música tradicional trasládanos ao pasado, móstranos o presente para construír o futuro.

Hoxe, somos nós o elo transmisor dese legado. Temos o deber de agrandalo, creando desde o noso para contribuír, así, ao enriquecemento da nosa cultura. Ninguén o vai facer por nós.

Mil primaveras máis para o noso canto.

Galería de fotos do concerto

Cantos en Compostela

Cantos en Compostela vai levar o canto coral a catro dos barrios tradicionais dentro da programación das festas da Ascensión.
Esta proposta pretende xuntar os barrios nun evento común que facilite o estreitamento de lazos de amizade das formacións participantes co obxectivo común de difundir e promocionar a música coral en Compostela. A cidadanía poderá desfrutar dunha visión panorámica da escena coral compostelá que, de seguro, animará a máis dunha persoa  a participar nas actividades destas formacións que en moitos casos teñen unha forte compoñente de relación e amizade.
Hai en Santiago de Compostela unha longa tradición de formacións corais que desenvolven un labor continuado e meritorio de amor á música e ao canto, moitas delas cun traballo formativo de décadas que dá lugar a unha oferta plural e diversa.
Velaí, polo tanto, un espazo de encontro para poder gozar das propostas musicais que as distintas formacións corais nos van ofrecer

 

Galería de fotos do concerto

 

“A nosa Historia”: Música na Galiza desde o século XII até o XIX

Miguel López Fariña, profesor de Historia da Música do Conservatorio Profesional de Santiago, disertará en tres xornadas sobre a importancia da música na historia de Galiza desde o século XII ate o XIX

Día 12 de abril: Trobadores e Xograres: A lírica na Galicia Medieval.

Desde o último cuarto do século XII até a segunda metade do s. XIV prodúcese na Galiza un movemento cultural de primeira orde: a lírica trobadoresca. A influencia da lírica provenzal precipita a formación dunha lírica en lingua galego-portuguesa. As cantigas non eran só textos poéticos, como tamén interpretados con música. Trobadores e xograres son os protagonistas dunha das épocas máis fecundas da música galega, eles son os artífices dun legado poético-musical único na nosa historia.

Día 19 de abril: As Capelas Musicais nas catedrais galegas.

As Capelas musicais eran as institucións máis importantes e daban emprego a moitos dos compositores e músicos máis destacados. Estaban formadas polo conxunto de cantores e instrumentistas que traballaban ao servizo dunha determinada catedral, mosteiro, igrexa ou corte, polo tanto desenvolvéronse tanto en ambiente relixioso como profano.
Deste xeito as capelas de música convertéronse non só en estruturas de interpretación musical, senón tamén en centros de composición, de copia e difusión de música, e, con certeza, en verdadeiras escolas de aprendizaxe musical.

Día 26 de abril:  A “melodía galega” no século XIX.

O movemento cultural do s. XIX coñecido como Rexurdimento marcou un cambio de rumbo ao desenvolver unha literatura na lingua propia. A elevada calidade artística dos poetas estimulou os músicos a converteren en cantigas moitos dos textos. Así, Marcial do Adaíl, Xoán Montes, Pascual Veiga, Varela Silvari, Enrique Lens, José Castro “Chané” son algúns dos compositores que ao longo do século XIX e principios do XX cultivan o xénero da “melodía galega”, canto para voz e piano, música sobre textos poéticos en lingua galega. De novo, música e poesía camiñan xuntas no renacer dun novo esplendor e axudando a configurar unha nova identidade nacional.

Fotos das xornadas

 

Asemblea xeral dos socios e socias de Solfa

Convocatoria dos socios/as da Asociación Cultural e Musical Solfa  para o día 28 de marzo, xoves, ás 16.30h. en primeira convocatoria e ás 17.00h. en segunda convocatoria no Centro Sociocultural das Fontiñas

Orde do día

  1. Aprobación da acta anterior, se procede.
  2. Dar conta das actividades realizadas no ano 2022
  3. Aprobación se procede do balance de ingresos e gastos do exercicio do 2021-2022
  4. Memoria de actividades para realizar no ano 2023
  5. Aprobación se procede do orzamento para o exercicio 2023
  6. Rogos e preguntas.
  7. Varios.

Santiago, 7 de marzo de 2023

A Presidenta de Solfa,
Asdo.: Lucía Carreira.

Memoria de actividades ano 2021 a 2022

Proposta de actividades para 2023