Cargando imaxes...

Archivo de 2017

Concertos de Nadal 2017

Un ano máis a Coral de Solfa visitará os nosos maiores. Sempre encontramos, nos nosos concertos, residentes que coñecen o noso rico e variado repertorio popular e permítenos rematar cantando tod@s xuntos ou gozar duns momentos agradábeis. O día 13 de decembro ás 17.00h. cantaremos no centro Servisenior (Os Tilos). O día 18, á mesma hora,  estaremos na residencia Volta do Castro.

 O día 15 de decembro, venres, ás 18.00h. no centro sociocultural do Romaño concerto da coral Solfa. Levaremos no noso repertorio a Xota de Lira, Alecrín, Costureiriña… e para rematar a Canção de Natal e a Panxoliña encantada.

 O día 22, venres, no Centro sociocultural das Fontiñas ás 19.30h. concerto dos alumnos/as de Solfa, banda, pandereteiras e coral. Pecharemos este ano desexando que o 2018 na Galiza non perdamos máis dereitos adquiridos e consigamos esa prosperidade, igualdade e xustiza social que non posuímos.

Concerto da Coral Solfa na Póvoa de Varzim

O día dez de xuño recibimos en Compostela a “Coral Ensaio” da Póvoa de Varzim. Este día de convivio tivo como acto máis importante a actuación na Praza das Praterías da “Coral Ensaio”, do coro de Solfa, da banda de Solfa e a interpretación conxunta de varias pezas galegas e portuguesas.
Agora tócanos devolverlles a visita e, coincidindo coa celebración do San Martiño, estaremos na Póvoa de Varzim os días 11 e 12 de novembro.
Vai ser a primeira vez que cantemos no país irmán. É para nós un motivo de alegría por varios motivos: porque nos permite confraternizar novamente despois da entrañábel xornada do mes de xuño, porque sempre tivemos no noso repertorio cancións portuguesas e porque fai posíbel levarmos a nosa música e a nosa cultura alén do Miño.
Teremos dúas actuacións: Unha o sábado á tarde na Freguesía de Rates e outra o domingo na propia Póvoa de Varzim.
Interpretaremos:
– 5 pezas galegas: “Has de cantar”, “Cantiga”, “Fisterra”, “Costureiriña” e “Xota de Lira”
– Unha canción vasca: “Hegoak”
– Unha brasileira: “Gato na tuba”
– 4 cancións portuguesas: “Alecrim dourado”, “Não quero que vás à monda”, “Verdes são os campos” e “Gotinha de água”
Conxuntamente cantaremos unha portuguesa (“Acordai”) e unha galega (“O voso galo, comadre”.
Levamos connosco o desexo de poder repetir experiencias como esta.

Aberto o prazo de matrícula na Escola de Música de Solfa curso 2017/2018

 

Do día 12 ao 15 de setembro, de 17.00 a 18.00h atenderemos no Centro Sociocultural das Fontiñas a todas as persoas que queiran formar parte da Banda de Música, Coro, Pandeireta, Baile tradicional ou recibir clases individuais de instrumentos: clarinete, saxo, frauta, óboe, tuba, bombardino, trompeta, trombón, fagot, percusión, e solfexo durante o curso 2017/2018

Teléfono móbil: 676675030

Actividades, horarios e matrícula

Formulario de alta en Solfa

IV Convivio da Cultura Galega na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei

Organizado pola Casa-Museo Manuel María, a Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa. Unha nova edición do Convivio da Cultura Galega terá lugar o sábado 8 de xullo durante todo o día en Outeiro de Rei da Terra Chá.

O Convivio é un espazo de encontro, de amizade e de intercambio absolutamente aberto á participación de todo o asociacionismo de base que hoxe fai, cada quen ao seu xeito e desde as súas coordinadas, cultura galega desde nós, por nós e para nós.

Un día de festa por volta de Manuel María que, para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, gastou, literalmente, «o seu corpo nos camiños» como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo. Unha xornada que celebraremos, máis un ano, nalgunhas das máis significativas paisaxes que conformaron o espazo físico orixinario do noso escritor, a salientar a carballeira de Santa Isabel.

Sairá un autobús de Fontiñas da Rúa de Roma, ao lado do CEIP ás 9.00h. Até completar as prazas podes apuntarte no teléfono 676675030.

Programa

Notas de prensa:

Concerto dos alumn@s, coral, pandereteir@s e Banda de música de Solfa

O próximo luns día 26 de xuño, ás 19.30h. no centro sociocultural das Fontiñas daremos por finalizadas as clases de instrumento e linguaxe musical para dar paso as vacacións e recargar máis folgos, se cabe, para o próximo curso 2017.

Como remate deste curso os alumn@s de frautas, clarinetes, saxos e percusión  deleitarannos cun programa de música clásica e tradicional. Logo intervirá a coral, pandereteiras e finalmente a banda de música pechará este concerto.

Convidámoste, un ano máis, a que compartas a ilusión e o esforzo realizado polos alumnos@s, profes e directiva da nosa asociación.

Programa do concerto