Cargando imaxes...

Archivo de 2019

Concentración: Emerxencia lingüística. Precisamos do galego

A plataforma cidadá Queremos galego, composta por máis de 600 entidades e da que forma parte a Asociación Cultural e Musical Solfa, convoca unha concentracións o xoves 19 de decembro ás 20h na Praza do Toural, “en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE” e para “reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa”.

O lema da convocatoria será Emerxencia lingüística. Precisamos do galego, e terá lugar en 7 cidades galegas simultaneamente.

“A evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes”, afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. As taxas de incapacidade para falar galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da historia, consolídase a ruptura interxeracional e aumenta o número de persoas que se senten na obriga de mudar de lingua. “Perante esta situación, reiterada en inumerábeis ocasións pola plataforma Queremos Galego e confirmada polo Comité de expertos e o Consello de Ministros do Consello de Europa”, recorda Maceira, “a única política da Xunta é a agresividade e, segundo os expertos do Consello de Europa, incumprir a Carta e non realizar ningunha acción lexislativa ou política para o facer, nomeadamente no ámbito do ensino”.

“Se Feixó tivese un mínimo de respecto por Galiza e pola institución que representa”, asegura o voceiro de Queremos Galego, “xa tería derrogado hai anos o decreto contra o galego”. A resposta da sociedade galega continúa activa e de novo co respaldo da máis relevante institución internacional europea para a defensa da democracia e dos dereitos humanos, como é o Consello de Europa.

A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia. Neste sentido, a entidade recorda que as dificudades de uso do galego na xustiza ou na administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal destinado en Galiza.

“A situación é de emerxencia e o galego é necesario para o desenvolvemento cultural, social, económico e humano de Galiza”, recordan: “Precisamos do galego para Galiza existir “.

Concerto de Nadal 2019 do alumnado e Coral de Solfa

 

O próximo luns 16 de decembro ás 19 horas terá lugar no Centro Sociocultural das Fontiñas o tradicional Concerto de Nadal da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Comezará cun repertorio individualizado a cargo do alumnado de Solfa que interpretarán obras de Mozart, Chedeville, Zimmer, Bordogni, Rossini, .. , seguidamente ao Grupo instrumenral de Solfa a cargo do mestre de clarinete Pablo Veiga interpretará obras de Jacob de Haan . Para pechar o concerto  actuará a Coral de Solfa dirixida por Francisco Tobar.

Programado concerto Nadal 2019

Exposición NÓS de onte a hoxe: 100 anos de historia

A Asociación cultural e musical Solfa ten o pracer de convidarte á inauguración da exposición NÓS de onte a hoxe: 100 anos de historia,  realizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, en colaboración co Museo do Pobo Galego, que se inaugurará o próximo día 11 de decembro, mércores, ás 17’30 horas, no claustro do Museo do Pobo Galego.

“Galiza Cultura conmemora así o centenario dunha iniciativa singular e decisiva na historia contemporánea da Galiza: o nacemento da revista Nós, cuxo primeiro número ve a luz o 30 de Outubro de 1920, revista de alta cultura que coloca a lingua, as artes e a ciencia galega nun nível privilexiado de calidade. Adiantámonos a celebrar o centenario dunha publicación que é herdeira directa do espírito das Irmandades da Fala (1916), do boletín A Nosa Terra (1917) e da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), que son os seus antecedentes directos.

A exposición leva como lema: SER DIFERENTE É SER EXISTENTE, extraído do uso que del fai Vicente Risco en “Nós, os inadaptados”, e realiza un percorrido pola significación e a obra dos seus principais persoeiros: Vicente Risco, director literario; Castelao, director artístico; Ramón Otero Pedraio, Ánxel Casal… e, con eles, a proxección que significou para artistas e escritores novos, así como a conexión co Seminario de Estudos Galegos (1923), outra iniciativa capital que marca o inicio dunha ciencia multidisciplinar en galego e sobre a Galiza.

Estúdase amplamente o Grupo Nós, con atención especial á figura de Ricardo Carvalho Calero, dedicatario do próximo Día das Letras Galegas 2020, testemuña excepcional desta época e estudioso constante da obra dos principais artífices do Grupo.

No acto da inauguración estarán presentes D. Xosé Regueira e D. Xurxo Couto, vicepresidente e deputado responsábel de Cultura, respectivamente, da Deputación Provincial da Coruña, que patrocina esta Exposición; D. Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; D. Carlos L. Bernárdez, comisario da Exposición; D. Luís Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, colaboradora da mesma; Dª Mª Antonia Pérez, presidenta da Asociación Cultural O Galo, de Compostela, e María Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura. 

A Coral Solfa interpretará dúas pezas musicais, para pór de relevo a importancia que o Grupo e a revista concedían á arte musical no conxunto da cultura galega

Proxección de “Xohán Xesús González. O canterio de Sebil”

A Asociación Cultural O Galo organiza o venres 29.11.2019 ás 20:30h. a proxección de “Xohán Xesús González. O canterio de Sebil”. Intervirán Cesar Caramés, director do documental, e Marcos Seixo, autor de varios estudos sobre Xohan Xesús González, abogado, dono da libraría Nike (xunto con Cuadrado), político que organizou en Compostela a resistencia ao golpe de estado de fascista e asasinado en Boisaca en 1936. Terá lugar no espazo Enocultural Vide-Vide (rúa Fonte de Stº Antonio nº 15)»

«O canteiro de Sebil» é un documental sobre a polifacética figura de Xoán Xesús González, o canteiro de Sebil, quen, polos seus propios esforzos, chegou a ser mestre, avogado, xornalista, escritor, político, intelectual…

Canteiro de oficio, mestre e xornalista, foi pioneiro en intuír que o marxismo podía contribuír a explicar a opresión nacional de Galiza. Fundador de xornais como Amañecer -voceiro da Unión Socialista Galega, o partido que entre 1932 e 1933 avanzou a síntese de socialismo e galeguismo- ou El País Gallego -na rúa entre 1927 e 1931-, sempre adscrito ás esquerdas -pasou polo PSOE, Izquierda Republicana ou Vanguardia de Izquierda Republicana-, encabezou o chamado Terzo de Calo, grupo de obreiros armados que intentou defender a legalidade republicana en Compostela tras o golpe de Estado de Franco.

Visita guiada a “Son de Galicia”no Museo do Pobo Galego

A Asociación Cultural O Galo organiza o xoves, 28.11.2019 ás 16h unha visita guiada a “Son de Galicia”, exposición  sobre a orixe e evoluir dos nosos coros que se amosa no Museo do Pobo Galego. Explicaránola Miguel Anxo Seixas, o seu comisario.

«Son de Galicia» é una proposta do Consello da Cultura Galega coa fin de divulgar o importante papel que tiveron os coros galegos no desenvolvemento da cultura galega no século XX, baseándose nos coros tradicionais e históricos de Galicia: Toxos e Froles (Ferrol, 1914), Cántigas da Terra (A Coruña, 1916), Coral De Ruada (Ourense, 1918) y Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela, 1921).

Na exposición amósanse os diferentes aspectos que conforman o riquísimo mundo do folclore tradicional en distintos paineis de fotos e en vitrinas onde se mostran diversos documentos e obxectos: publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, vestimenta, esbozos de decorados, recortes de prensa, videos….