Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade > Galiza Cultura trae a Compostela a exposición “Humor para mudar o mundo. Que graza!» de Pepe Carreiro

Galiza Cultura trae a Compostela a exposición “Humor para mudar o mundo. Que graza!» de Pepe Carreiro

A Asociación cultural e musical Solfa, integrante da federación Galiza Cultura, participará co seu canto na inauguración da exposición “Humor para mudar o mundo. Que graza!» de Pepe Carreiro que terá lugar o día 2 de xuño, ás 18h, no Centro sociocultural  Maruxa e Coralia.  A exposición consta de 50 pezas da extensa e brillante obra de Pepe Carreiro. Co título ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’, Pepe Carreiro, sintetiza a súa forza creativa en dúas sentencias. A primeira, en serio e pretenciosa (Humor para mudar o mundo) dá paso a unha segunda sentenza, que nunha contestación burleira (Que graza!), rebaixa as ínfulas da primeira para darlle un baño de realidade.

Pepe Carreiro é un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos. Colaborou en xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (edición Galiza) e Xornal de Galicia e en semanarios e revistas como A Nosa Terra, Can sen Dono e Xo! Considerado o mellor satírico da prensa, cunha gran forza ridiculizadora e destrutiva, que o acabou retirando dos xornais desde 2009, aínda que segue colaborando en revistas como Tempos Novos ou A Trabe de Ouro e no xornal Nós Diario. E un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao. Foi un gran impulsor do humor gráfico en Galiza, coa fundación das propias revistas Can sen Dono e Xo!”

A exposición permanecerá aberta ate o 30 de xuño.