Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade > O Teatro Principal acollerá a obra Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao

O Teatro Principal acollerá a obra Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao


Desde 2023, Galiza Cultura promove a celebración do Samaín popularizando a obra de Castelao, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (Ed. Céltiga, 1922). O esqueleto protagonista relátanos as súas memorias, que recollen as peripecias dunha existencia máis alá da morte, sobre o mundo dos vivos.

O vindeiro 3 de novembro, ás 20:00 h, o Teatro Principal será o escenario onde esta historia cobre vida. A montaxe conta coa participación de membros da Coral de Solfa de Santiago e da Agrupación Cultural O Galo, baixo a adaptación e dirección de Lucho Penabade.

A través da mirada dese esqueleto, “soterrado nun cemiterio de cidade pero moi atento ao que acontece fóra”, o público poderá rir, reflexionar e recoñecerse nas situacións que Castelao retrata: as loitas labregas, o drama da emigración, o caciquismo ou a defensa do idioma galego… Temas que, máis dun século despois, continúan plenamente vixentes.

Como sinala Manuel Rei Romeu, en Desta terra e deste tempo, “Castelao anímanos a desentrañar as chaves e leitmotivs dun universo simbólico que conduce a unha toma de conciencia e a unhas conclusións sobre o mundo dos vivos.”

Esta representación ofrece ao público a oportunidade de achegarse á obra e ao pensamento de Castelao desde unha perspectiva viva e simbólica, perfecta para celebrar o Samaín cunha reflexión cultural e histórica.

Agrademos ao Concello de Santiago todo o seu apoio e a súa disposición para que esta obra se represente en Compostela.