Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade > Vídeo da representación da obra Un ollo de vidro (Memorias dun esquelete) de Castelao

Vídeo da representación da obra Un ollo de vidro (Memorias dun esquelete) de Castelao

Desde 2023, Galiza Cultura promove a celebración do Samaín popularizando a obra de Castelao, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (Ed. Céltiga, 1922). O esqueleto protagonista relátanos as súas memorias, que recollen as peripecias dunha existencia máis alá da morte, sobre o mundo dos vivos.

A montaxe conta coa participación de membros da Coral de Solfa de Santiago e da Agrupación Cultural O Galo, baixo a adaptación e dirección de Lucho Penabade.

A través da mirada dese esqueleto, “soterrado nun cemiterio de cidade pero moi atento ao que acontece fóra”, o público poderá rir, reflexionar e recoñecerse nas situacións que Castelao retrata: as loitas labregas, o drama da emigración, o caciquismo ou a defensa do idioma galego… Temas que, máis dun século despois, continúan plenamente vixentes.

Como sinala Manuel Rei Romeu, en Desta terra e deste tempo, “Castelao anímanos a desentrañar as chaves e leitmotivs dun universo simbólico que conduce a unha toma de conciencia e a unhas conclusións sobre o mundo dos vivos.”

Esta representación ofrece ao público a oportunidade de achegarse á obra e ao pensamento de Castelao desde unha perspectiva viva e simbólica, perfecta para celebrar o Samaín cunha reflexión cultural e histórica.

Agrademos ao Concello de Santiago todo o seu apoio e a súa disposición para que esta obra se represente en Compostela.