Recordos da semana cultural de Solfa 2012
Rematou a semana cultural na que @s alum@s de Solfa deron concertos cunha alta calidade, dúos, cuartetos, quintetos e individualmente foron interpretando diversas obras, comezando polos bombardinos, trombóns, percusións, trompas, trompetas, grupo de metais de Solfa, clarinetes, frautas, pianistas ata rematar cun concerto coa banda e coral de Solfa.
Temos que destacar o Grupo de Metais de Solfa, cun Canon de Thomas Tallis e Ode to yo (fron Symphony No. 9) de Ludwig van Beethoven. Gustou ao público presente, parabéns polo seu traballo.
Tamén os nosos agradecementos aos profesores de Solfa – Grupo de Metais Profesores – soberbia interpretación e como estaba garantido rematando cun Negra Sombra de J. Montes que fixo engrandecer a nosa música coas trompetas, trompa, trombón e tuba ata límites maxistrais.
No ámbito cultural, Manolo Rei Romeu disertou sobre a vida e obra de Castelao, facendo fincapé en que Castelao tería que ser considerado patrimonio de todo o pobo galego, mais será máis patrimonio dos que se identifican a diario con Galiza e coa súa lingua, dos que non silencian a súa obra e o seu exemplo cívico e, en definitiva, dos lexítimos herdeiros e continuadores do seu pensamento político, rezaba Manolo Rei.
Teresa Moure. Quen quere que falemos en masculino e por que? Interesante exposición que serviu para tomar máis conciencia, se cabe, de que as mulleres existimos e como tal non podemos ser consideradas pola historia como seres invisibles.
Xavier Vence. Estridencias da crise económica. Notas para unha sinfonía alternativa. Sinfonía tráxica é a que nos deixan os poderes económicos de Europa, máis paro, máis impostos, máis privatizacións, máis pobreza para tod@s… Mentres o poder se concentra nunha minoría rica, ao redor dos grandes mercados e a banca. Xavier mostrou a súa preocupación pola profunda ameaza ás institucións, aos gobernos e aos pobos que queiran exercer a súa soberanía e en definitiva queiran decidir o futuro de si mesmos. Contra isto o pobo, todos nós, debemos tomar conciencia, participar, e sobre todo esixir dos nosos gobernantes o cumprimento das súas promesas electorais, remataba con estas palabras Xavier.
Xa o venres as frautas e o Quinteto Clásico, deron paso ao último día das actuacións de Solfa, banda e coro demos unha despedida á semana cultural moi emotiva na que tod@s gozamos desas horas marabillosas e de seguro que tod@s intentamos dar o mellor de nós mesmos.
Desde a directiva de Solfa, grazas aos músic@s, soci@s e ao público en xeral e moi especialmente a Adrián Doce Villar, que como el dicía ao ver as fotos de anos anteriores, sobre todo de Musigalizando, recordaba todo como algo moi entrañable, Que recordos¡ Adrián ten 16 anos.
Esperamos que esta semana cultural quede no noso maxín como algo que merece a pena recordar, suficiente.