Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade

Actualidade

O 13 de xullo XI Convivio da Cultura Galega

A celebración de homenaxe a Manuel María e a súa obra será o próximo 13 de xullo

Este próximo 13 de xullo, sábado, festexamos a XIª edición do Convivio da Cultura Galega. Farémolo como sempre tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.

Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros. 

Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde daremos comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí iremos cara ao cemiterio onde levaremos a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta. 

Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser. 

A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos  Carunchos.

Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común. 

 

Fotos do XI Convivio: https://photos.app.goo.gl/Dpi53Tkj1jxuosf69

Concerto na Praza das Praterías

Concerto coa participación da Coral Lucus Terra do IV ciclo do campus de Lugo , Coral e Pandereteiras de Solfa na Praza das Praterías o próximo sábado, 22 de xuño, ás 20h.

A riqueza cultural e musical na Galiza é inmensa. A música tradicional trasládanos ao pasado, móstranos o presente para podérmonos construír o futuro. Conflúen nela o pensamento, a vida e os sentimentos de nós mesmos. O noso canto é memoria. Permite trasladármonos ao pasado, visualizar unha forma de vida e coñecer as nosas tradicións, traballos e reivindicacións. É dicir, todo o que nos fai sentírmonos e sermos galegos e galegas.

Hoxe, nós somos os transmisores dun legado que debemos agrandar e enriquecer. Ninguén o vai facer por nós.

Mil primaveras máis para o noso canto.

Fotos do concerto: https://photos.app.goo.gl/6z2G8qcCotf6EVKk9

 

Concerto final de curso de Solfa 23/24

 

A Asociación cultural e musical Solfa celebrará o próximo luns día 17 de xuño o seu Concerto final de curso coa participación do Grupo de baile, Grupo de pandereteiras e mais o Coro de Solfa.

O concerto será no Centro Sociocultural das Fontiñas ás 19 horas e estades todas e todos invitadas.

 

Asemblea xeral dos socios e socias de Solfa

Convocatoria dos socios/as da Asociación Cultural e Musical Solfa para o día 4 de abril, xoves, ás 17h. en primeira convocatoria e ás 17.30h. en segunda convocatoria no Centro Sociocultural das Fontiñas.

Orde do día

  1. Dar conta das actividades realizadas no ano 2023
  2. Aprobación se procede do balance de ingresos e gastos do exercicio do 2023
  3. Memoria de actividades para realizar no ano 2024
  4. Orzamento para o exercicio 2024
  5. Rogos e preguntas
  6. Varios

Unha vez rematada a asemblea ordinaria comezará a extraordinaria para proceder a elección da nova directiva. Deberán presentarse as propostas antes das 14h. do día 2 de abril.
Elixiranse: Presidente@, vicepresident@, secretari@ e 4 vogais. O lugar de presentación das propostas será por correo electrónico ao enderezo da asociación: asociacionsolfa@asociacionsolfa.gal ou ben no centro sociocultural das Fontiñas nun sobre pechado a nome da Asociación cultural e musical Solfa.
O que trasladamos co fin de que todos os socios/as participedes destas asembleas

Santiago, 14 de marzo de 2024
A Presidenta de Solfa,
Asdo.: Lucía Carreira.

Memoria das activiadades 2023

Homenaxe a Rosalía. Sábado, 24 de febreiro, en San Domingos de Bonaval

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro e convida a participar á Asociación cultural e musical Solfa deste Acto.

Nesta edición de 2024, Carlos Callón é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 24 de febreiro ás 12:00 horas no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. A coral Solfa no desenvolvemento deste acto interpretará dous poemas:

  • A Rosalía poema de M. Curros Enríquez (Música de José Alfredo Oliveira)
  • Estreo da obra,  Campanas de Bastavales poema de Rosalía de Castro (Música de Xosé Carlos Seráns Olveira)

 

2024 Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro

Galería de imaxes en Google Fotos