Archivo de 2024
Proclamar ao mundo que Galiza existe
Vía Galega e Galiza Cultura, plataformas nas que está integrada a Asociación cultural e musical Solfa, teñen o pracer de convidarvos á inauguración da exposición ROSALÍA : proclamar ao mundo que Galiza existe, que terá lugar no Museo do Pobo Galego, o mércores, día 25 de setembro, ás 19h.
Esta exposición, con textos de Francisco Rodríguez, conxuga tres aspectos determinantes para coñecer e valorar a figura e a obra de Rosalía de Castro:
- A súa biografía
- O contexto histórico e socio-cutural no que se desenvolve e
- O sentido e a vixencia da súa obra
Aberto o prazo de matrícula na Escola de Música de Solfa curso 24/25
A asociación cultural musical Solfa preséntavos a nova proposta de actividades para o curso 2024-25
Oferta musical:
- Coro
- Pandeireta e
- Baile tradicional
Horarios:
Coral: luns e mércores de 20 a 21.30h.
Pandeireta: Iniciación, luns de 17 a 18h.
Perfeccionamento, luns de 18 a 19h.
Perfeccionamento, luns de 19 a 20h.
Baile tradicional: Iniciación, os mércores de 19 a 20h.
Prezos:
Socio/a: 3 euros mes
Cada disciplina son 12 €
As cotas teñen que estar domiciliadas
Lugar: As actividades desenvolveranse no Centro Sociocultural das Fontiñas
Prazo de matrícula: Ábrese o prazo de matrícula do 16 ao 20 de setembro de 2024
Teléfono: 676675030 (atenderase no horario de 17 a 20h.)
Correo electrónico: asociacionsolfa@asociacionsolfa.gal
O 13 de xullo XI Convivio da Cultura Galega
Este próximo 13 de xullo, sábado, festexamos a XIª edición do Convivio da Cultura Galega. Farémolo como sempre tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.
Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros.
Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde daremos comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí iremos cara ao cemiterio onde levaremos a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta.
Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser.
A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos Carunchos.
Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común.
Fotos do XI Convivio: https://photos.app.goo.gl/Dpi53Tkj1jxuosf69
Concerto na Praza das Praterías
Concerto coa participación da Coral Lucus Terra do IV ciclo do campus de Lugo , Coral e Pandereteiras de Solfa na Praza das Praterías o próximo sábado, 22 de xuño, ás 20h.
A riqueza cultural e musical na Galiza é inmensa. A música tradicional trasládanos ao pasado, móstranos o presente para podérmonos construír o futuro. Conflúen nela o pensamento, a vida e os sentimentos de nós mesmos. O noso canto é memoria. Permite trasladármonos ao pasado, visualizar unha forma de vida e coñecer as nosas tradicións, traballos e reivindicacións. É dicir, todo o que nos fai sentírmonos e sermos galegos e galegas.
Hoxe, nós somos os transmisores dun legado que debemos agrandar e enriquecer. Ninguén o vai facer por nós.
Mil primaveras máis para o noso canto.
Fotos do concerto: https://photos.app.goo.gl/6z2G8qcCotf6EVKk9