Cargando imaxes...

Archivo de junio 2024

O 13 de xullo XI Convivio da Cultura Galega

A celebración de homenaxe a Manuel María e a súa obra será o próximo 13 de xullo

Este próximo 13 de xullo, sábado, festexamos a XIª edición do Convivio da Cultura Galega. Farémolo como sempre tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.

Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros. 

Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde daremos comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí iremos cara ao cemiterio onde levaremos a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta. 

Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser. 

A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos  Carunchos.

Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común. 

 

Fotos do XI Convivio: https://photos.app.goo.gl/Dpi53Tkj1jxuosf69

Concerto na Praza das Praterías

Concerto coa participación da Coral Lucus Terra do IV ciclo do campus de Lugo , Coral e Pandereteiras de Solfa na Praza das Praterías o próximo sábado, 22 de xuño, ás 20h.

A riqueza cultural e musical na Galiza é inmensa. A música tradicional trasládanos ao pasado, móstranos o presente para podérmonos construír o futuro. Conflúen nela o pensamento, a vida e os sentimentos de nós mesmos. O noso canto é memoria. Permite trasladármonos ao pasado, visualizar unha forma de vida e coñecer as nosas tradicións, traballos e reivindicacións. É dicir, todo o que nos fai sentírmonos e sermos galegos e galegas.

Hoxe, nós somos os transmisores dun legado que debemos agrandar e enriquecer. Ninguén o vai facer por nós.

Mil primaveras máis para o noso canto.

Fotos do concerto: https://photos.app.goo.gl/6z2G8qcCotf6EVKk9

 

Concerto final de curso de Solfa 23/24

 

A Asociación cultural e musical Solfa celebrará o próximo luns día 17 de xuño o seu Concerto final de curso coa participación do Grupo de baile, Grupo de pandereteiras e mais o Coro de Solfa.

O concerto será no Centro Sociocultural das Fontiñas ás 19 horas e estades todas e todos invitadas.