Archivo de mayo 2025
Galiza Cultura trae a Compostela a exposición “Humor para mudar o mundo. Que graza!» de Pepe Carreiro
A Asociación cultural e musical Solfa, integrante da federación Galiza Cultura, participará co seu canto na inauguración da exposición “Humor para mudar o mundo. Que graza!» de Pepe Carreiro que terá lugar o día 2 de xuño, ás 18h, no Centro sociocultural Maruxa e Coralia. A exposición consta de 50 pezas da extensa e brillante obra de Pepe Carreiro. Co título ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’, Pepe Carreiro, sintetiza a súa forza creativa en dúas sentencias. A primeira, en serio e pretenciosa (Humor para mudar o mundo) dá paso a unha segunda sentenza, que nunha contestación burleira (Que graza!), rebaixa as ínfulas da primeira para darlle un baño de realidade.
Pepe Carreiro é un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos. Colaborou en xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (edición Galiza) e Xornal de Galicia e en semanarios e revistas como A Nosa Terra, Can sen Dono e Xo! Considerado o mellor satírico da prensa, cunha gran forza ridiculizadora e destrutiva, que o acabou retirando dos xornais desde 2009, aínda que segue colaborando en revistas como Tempos Novos ou A Trabe de Ouro e no xornal Nós Diario. E un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao. Foi un gran impulsor do humor gráfico en Galiza, coa fundación das propias revistas Can sen Dono e Xo!”
A exposición permanecerá aberta ate o 30 de xuño.
Manifestación 17 de maio. Lingua vital xa!
A Asociación cultural e musical Solfa, sumámonos o chamamento que fai a Plataforma Queremos Galego a participar na multitudinaria foliada pola lingua.
Este 17 de maio voltaremos ás rúas co clamor unánime de Lingua vital xa!
Queremos que na manifestación que sairá ás 12h da Alameda de Santiago, o baile e as pandeiretas enchan as rúas para rematar na praza do Obradoiro nunha multitudinaria foliada pola lingua que será a grande homenaxe colectiva ás cantareiras e pandeireteiras. Por moito que a tentaron calar, a música galega rexorde unha e outra vez e con ela a nosa lingua.
As pandereteiras de Solfa estarán tamén nesta foliada. Toda a información para apuntarse no seguinte enlace, ou no whatsapp de Solfa:
Concerto das Letras Galegas 2025
Xunto ás Corais Ponte Mantible, Amigos do Castiñeiriño, Asubío e Crecente de Voces Graves, a Coral de Solfa convídavos o venres 16 de maio ás 20 horas no Teatro Principal de Compostela ao Concerto das Letras Galegas 2025.
Dirxidos po David Lojo Ces, interpretaremos:
- Maria Soliña (Poema de Celso Emilio Ferreiro , música de Carlos Núñez e Teresa Salgueiro con arranxos de Francisco Tobar Cereijo)
- Fisterra ( Tradicional, arranxos de Francisco Tobar Cereijo)
- A Costureira (Tradicional, arranxos de Francisco Tobar Cereijo)
A entrada é gratuíta até completar o aforo. As portas abriranse ás 19:30 horas
A celebración das Letras Galegas 2025 homenaxea sete cantareiras e pandeireteiras autoras de música tradicional de transmisión oral. Elas representan mulleres e homes que ao longo dos séculos mantiveron a nosa tradición até facérena chegar aos nosos días. Mais este festexo debe esporear tamén a reflexión crítica. Ofrecer como tradición textos que non están en galego é deixar fóra o contexto de subordinación que viviu e vive a nosa lingua e, así, falsear a realidade. A nosa tradición musical está na base da nosa identidade cultural e debe servir para recuperarmos o orgullo de termos unha cultura diferenciada expresada na nosa lingua propria e orixinal.
A conmemoración das Letras Galegas é tamén unha exaltación da lingua, pois esta é a base da literatura. As e os artistas actuais deben ofrecer dos textos tradicionais unha lectura á altura do proceso de normalización do noso tempo e desbotar deformacións e interferencias que converten o galego nun dialecto.
Debemos pór en valor o noso patrimonio musical; a súa riqueza e variedade ben merecen a nosa dedicación e o noso afecto. A música galega non pode constituír un “toque local” no repertorio das corais; debe gozar dun status substancial, estrutural como elemento dinamizador esencial da nosa cultura.