Cargando imaxes...

Archivo de junio 2026

XIII Convivio da Cultura Galega en Santa Isabel, Outeiro de Rei

Un ano máis, a Coral de Solfa participa o sábado, 11 de xullo, na XIII edición do Convivio da Cultura Galega en Outeiro de Rei.

A xornada iniciarase ás 11.15 h na Casa-Museo Manuel María, punto de encontro onde a Coral de Solfa poñerá voz a varios poemas de Manuel María. De alí, ás 11.45 h, sairemos camiñando, ao son das gaitas, cara ao cemiterio, onde levaremos a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta. A continuación, trasladarémonos ao campo de Santa Isabel.

Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30 h, terá lugar a actuación da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, dirixida por Armando Morales. Nesta ocasión, a banda estará acompañada por Uxía, que, ademais de interpretar unha serie de composicións conxuntamente coa formación, cantará en solitario algunhas pezas do seu último traballo, dedicado a Begoña Caamaño.

A festa continuará pola tarde, ás 16.30 h, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, na que non faltará a música de Sons da Chaira, Música na Eira, Mestura de Nete, o grupo de cantos de taberna de Xermolos, Tradivivas Agra e Parabéns.

Concerto final de curso 2026

A Asociación Cultural e Musical Solfa celebrará o luns 22 de xuño o seu Concerto de fin de Curso 2026, coa participación do grupo de baile, o grupo de pandeireteiras e da Coral de Solfa. O concerto terá lugar no Centro Sociocultural das Fontiñas ás 19:00 horas. Como cada ano, esta actuación servirá para compartir co público o traballo realizado ao longo do curso polas diferentes seccións da asociación. A entrada é libre e estades todas e todos convidados a asistir. Este evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña.