Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Musigalizando

Musigalizando

A Asociación Cultural Musical Solfa, xunto coa Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, tivemos a iniciativa de organizar un campamento musical.

Nace deste xeito Musigalizando, un proxecto que xurde coa intención de xuntar rapazas, rapaces, mozas e mozos de distintas bandas que teñen unha afección común, a música.

Son moitas as agrupacións ou bandas formadas en Galiza que, polo número dos seus compoñentes, por falla de instrumentos…, non teñen a oportunidade de poder interpretar obras que todos e todas quererían interpretar.

Darlles a oportunidade de poderen tocar xuntos a todos os compoñentes das tres agrupacións, tendo en conta o abano de idade ( de oito a vintecinco anos), supuxo un reto para todos e todas. Para os máis pequenos/as porque tiveron que traballar e esforzarse moito para sentirse a gusto con persoas que posúen coñecementos moito maiores. E para estes últimos, algúns deles estudantes nos conservatorios, unha adaptación, respecto e axuda para cos/as menores.

Somos conscientes que o esforzo que fixeron noventa nenos/as e mozos/as foi grande. Por iso, estamos seguros de que a estimulación que, con certeza, ten este proxecto, Musigalizando, pode contribuír a que sexamos menos indiferentes na construción do mundo e da sociedade que queremos crear.

Nesta iniciativa, queremos facer constar un agradecemento especial para o Director Xeral de Xuventude, D. Rubén Cela, polo seu apoio incondicional a este proxecto. Un soño que se fixo realidade para as asociacións organizadoras e para moitas nenas e nenos, mozas e mozos que durante eses días puideron gozar en Gandarío dunha experiencia de convivencia, traballo e creatividade que, de seguro, non esquecerán.

Tras o éxito da primeira edición de Musigalizando, a Asociación Cultural Musical Solfa, xunto coa Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, decidimos repetir a experiencia no ano 2008, 2009 e 2010, convidando a máis bandas como a Banda Infantil de Merza, e a Banda de Música de Arca aumentando o número de nenos/as, mozos e mozas até os 120 compoñentes.