Cargando imaxes...

Archivo de abril 2023

“A nosa Historia”: Música na Galiza desde o século XII até o XIX

Miguel López Fariña, profesor de Historia da Música do Conservatorio Profesional de Santiago, disertará en tres xornadas sobre a importancia da música na historia de Galiza desde o século XII ate o XIX

Día 12 de abril: Trobadores e Xograres: A lírica na Galicia Medieval.

Desde o último cuarto do século XII até a segunda metade do s. XIV prodúcese na Galiza un movemento cultural de primeira orde: a lírica trobadoresca. A influencia da lírica provenzal precipita a formación dunha lírica en lingua galego-portuguesa. As cantigas non eran só textos poéticos, como tamén interpretados con música. Trobadores e xograres son os protagonistas dunha das épocas máis fecundas da música galega, eles son os artífices dun legado poético-musical único na nosa historia.

Día 19 de abril: As Capelas Musicais nas catedrais galegas.

As Capelas musicais eran as institucións máis importantes e daban emprego a moitos dos compositores e músicos máis destacados. Estaban formadas polo conxunto de cantores e instrumentistas que traballaban ao servizo dunha determinada catedral, mosteiro, igrexa ou corte, polo tanto desenvolvéronse tanto en ambiente relixioso como profano.
Deste xeito as capelas de música convertéronse non só en estruturas de interpretación musical, senón tamén en centros de composición, de copia e difusión de música, e, con certeza, en verdadeiras escolas de aprendizaxe musical.

Día 26 de abril:  A “melodía galega” no século XIX.

O movemento cultural do s. XIX coñecido como Rexurdimento marcou un cambio de rumbo ao desenvolver unha literatura na lingua propia. A elevada calidade artística dos poetas estimulou os músicos a converteren en cantigas moitos dos textos. Así, Marcial do Adaíl, Xoán Montes, Pascual Veiga, Varela Silvari, Enrique Lens, José Castro “Chané” son algúns dos compositores que ao longo do século XIX e principios do XX cultivan o xénero da “melodía galega”, canto para voz e piano, música sobre textos poéticos en lingua galega. De novo, música e poesía camiñan xuntas no renacer dun novo esplendor e axudando a configurar unha nova identidade nacional.

Fotos das xornadas