Cargando imaxes...

Coro

Desde a súa fundación  no ano 1997, a Asociación Cultural-Musical Solfa  centrou o seu traballo no espallamento da nosa música tradicional entre un amplo público, no goce da música e na formación musical tanto de mozas /os como de adultos de todas as idades. Como base esencial deste proxecto, naceu a Coral de Solfa que ao longo destes anos desenvolveu unha notábel actividade participando en eventos, impulsando concertos e promovendo intercambios culturais con outras agrupacións.  

O noso primeiro concerto tivo lugar  no Centro Sociocultural das Fontiñas o 29 de Maio de 2002, baixo a dirección de Xosé Carlos Seráns Olveira,. A seguir comezaron as leccións de solfexo para mellorar a formación musical dos membros do coral.  Ao mesmo tempo, celebráronse diversos concertos no Centro Sociocultural das Fontiñas, no Teatro Principal, no Auditorio de Galiza… Salientamos nesta etapa os concertos de A Nosa Clave nos anos  2004, 2005, 2006 e 2007. Neles interviñeron 7 corais de Santiago, formando unha única agrupación, acompañada nos primeiros anos pola Banda Filharmónica e logo pola Banda Sinfónica da FGBMP. Nestes concertos interpretáronse obras diversas: Apreixar o Vento  de Xosé Carlos Seráns,   Lela  de R. Mato Hermida,  Carmina Burana de Carl Orff  e  fragmentos operísticos de Verdi e outros compositores.

En outubro do 2007 Malena Pazos Pintor colleu a batuta da coral e en setembro de 2008 Solfa pasou a ser dirixida por Esperanza Mara Rama Filgueira . Foi esta unha etapa de afianzamento en que a coral colleu experiencia e, sobre todo, gozou preparando e realizando os concertos. En novembro de 2010 toma a dirección Francisco Tobar Cereijo que permaneceu até xullo de 2023. Estes anos foron de moito traballo e esforzo en que a coral foi gañando en calidade musical grazas á paciencia e dedicación do noso director. F. Tobar non só fixo multiples arranxos, tamén compuxo para a coral obras orixinais de grande calidade que enriquecen o noso patrimonio musical e que Solfa tivo o privilexio de estrear. Nestes anos a coral adquiriu un repertorio dunhas 100 pezas e con elas participou en múltiples eventos e concertos: Homenaxe a Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres en febreiro; concertos no CSC de As Fontiñas, no Salón Teatro, no Teatro Principal; intercambios con outras corais que nos levaron a cantar no Teatro Jofre de Ferrol, en Lugo, Ames, Lóuzara, Carral, A Coruña; e mesmo fóra de Galiza: concertos en  Póvoa de Varzim, Zarautz, Colmenar. Nestes 13 anos a Coral Solfa foise consolidando no panorama musical de Compostela enchendo un espazo na divulgación da música galega e contribuíndo así á normalización da nosa lingua e cultura.

Actualmente a Coral Solfa está formada por 38 coralistas que ensaian no Centro Sociocultural de As Fontiñas todos os luns e mércores de 20:00 a 21:30 horas.

O noso repertorio bebe da música tradicional tanto galega como portuguesa. Tamén incluímos textos literarios de poetas galegos: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Francisco Añón, Cabanillas, Manuel María, Fiz Vergara Vilariño, …  e da lusofonía Chico Buarque, José Gomes Ferreira,…  Gravamos un CD en abril do 2023 e coa súa gravación pretendemos, humildemente, mais con moito sentimento, contribuír a divulgar e enriquecer a nosa música.  

Desde novembro de 2023 o director é David Lojo Ces. Nesta nova etapa a coral segue con moita ilusión, intentando non só aprender, tamén  gozar coa  música e aperfeizoar a disciplina, tan sinxela e á vez complicada, de modular a voz. Baixo a dirección de D. Lojo,  Solfa asumiu e saíu airosa de desafíos musicais impensábeis no pasado, e esta realidade impúlsanos a seguir mellorando.

Solfa fai parte do tecido cultural do noso país e acredita na importancia da riqueza cultural que atesoura Galiza. Somos conscientes de que o noso futuro como pobo pasa por recoñecérmonos e estimármonos como galegos e galegos. A nosa cultura, música e lingua identifícannos colectivamente e sitúannos no mundo. Por iso, procuramos coñecela, usala, divulgala e potenciala. Eis  a razón fundamental da existencia de Solfa.

Estas son algunhas das nosas actuacións