Banda de música
Unha contribución cultural moi relevante da nosa asociación foi a creación da Banda Xuvenil Solfa integrada por 45 músicos/as que recibiron leccións no CSC e no CEIP das Fontiñas de instrumentos como bombardino, saxofón, frauta, óboe, clarinete, tuba, trompeta, trompa, trombón, percusión e piano. Preséntase en público no Centro Sociocultural das Fontiñas o día 29 de maio de 2002, con nenos e nenas menores de 10 anos. Ao longo dos anos realizáronse moitos concertos, intercambios con outras bandas de música, campamentos musicais, concertos didácticos… tendendo a que esta Banda Xuvenil se movese entre o divertimento e a formación. Os obxectivos fundamentais foron conseguirmos resultados musicais satisfactorios e promovermos a solidariedade e a cooperación entre os membros da agrupación. Esta banda, que interpretou temas galegos e de diversos estilos en concertos por Galiza, foi a base da formación musical de xente moza e determinou a súa forte vinculación coa música. Infelizmente, a Banda Xuvenil de Solfa desapareceu en 2019 debido ao coronavirus e aínda non foi posíbel retomala.
Actualmente a actividade da Asociación céntrase na Coral, no grupo de pandeireteiras e proxéctase a formación dun grupo de baile tradicional.