A Asociación
A Asociación Cultural-Musical Solfa créase en 1997 e focaliza o traballo no espallamento da nosa música tradicional entre un amplo público, no goce da música e na formación musical tanto de mozas /os como de adultos de todas as idades. Nos comezos impartimos clases a adultos e a nenas/os, mozas,/os de solfexo, canto e instrumentos: bombardino, saxofón, frauta, óboe, clarinete, tuba, trompeta, trompa, trombón, percusión e piano no Centro Sociocultural e no CEIP das Fontiñas. Froito do traballo destes anos foi a Banda Xuvenil de Música de Solfa (en activo desde 2002 a 2019) composta por 45 instrumentistas. Durante estes anos promovemos e impulsamos diversos concertos e intercambios culturais con outras bandas. En 2002 nace tamén a Agrupación Coral de Solfa, integrada actualmente por 38 persoas e cuxo repertorio está constituído por obras de diferentes estilos, onde destacan as pezas galegas, tanto tradicionais como contemporáneas.
Alén da Coral, na actualidade contamos con un grupo de pandeireteiras e estamos intentando darlle cabida ao baile tradicional.
A nosa Asociación está aberta a todas as persoas que queiran desfrutar e aprender coa música, como porta aberta á expresión, á creatividade e á cooperación. Facemos parte do tecido cultural galego, xunto aos nosos poetas, compositores, músicos /as e á nosa lingua; xuntos facemos que Galiza exista, que a cultura galega siga viva e esa é a razón fundamental da existencia de Solfa.
A Asociación cultural e musical Solfa, desde o ano 2024, conta coa colaboración da Deputación da Coruña para facer fronte ao gasto do profesorado, medios e material preciso para o desenvolvemento das actividades.