Exposición NÓS de onte a hoxe: 100 anos de historia
A Asociación cultural e musical Solfa ten o pracer de convidarte á inauguración da exposición NÓS de onte a hoxe: 100 anos de historia, realizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, en colaboración co Museo do Pobo Galego, que se inaugurará o próximo día 11 de decembro, mércores, ás 17’30 horas, no claustro do Museo do Pobo Galego.
“Galiza Cultura conmemora así o centenario dunha iniciativa singular e decisiva na historia contemporánea da Galiza: o nacemento da revista Nós, cuxo primeiro número ve a luz o 30 de Outubro de 1920, revista de alta cultura que coloca a lingua, as artes e a ciencia galega nun nível privilexiado de calidade. Adiantámonos a celebrar o centenario dunha publicación que é herdeira directa do espírito das Irmandades da Fala (1916), do boletín A Nosa Terra (1917) e da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), que son os seus antecedentes directos.
A exposición leva como lema: SER DIFERENTE É SER EXISTENTE, extraído do uso que del fai Vicente Risco en “Nós, os inadaptados”, e realiza un percorrido pola significación e a obra dos seus principais persoeiros: Vicente Risco, director literario; Castelao, director artístico; Ramón Otero Pedraio, Ánxel Casal… e, con eles, a proxección que significou para artistas e escritores novos, así como a conexión co Seminario de Estudos Galegos (1923), outra iniciativa capital que marca o inicio dunha ciencia multidisciplinar en galego e sobre a Galiza.
Estúdase amplamente o Grupo Nós, con atención especial á figura de Ricardo Carvalho Calero, dedicatario do próximo Día das Letras Galegas 2020, testemuña excepcional desta época e estudioso constante da obra dos principais artífices do Grupo.
No acto da inauguración estarán presentes D. Xosé Regueira e D. Xurxo Couto, vicepresidente e deputado responsábel de Cultura, respectivamente, da Deputación Provincial da Coruña, que patrocina esta Exposición; D. Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; D. Carlos L. Bernárdez, comisario da Exposición; D. Luís Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, colaboradora da mesma; Dª Mª Antonia Pérez, presidenta da Asociación Cultural O Galo, de Compostela, e María Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura.
A Coral Solfa interpretará dúas pezas musicais, para pór de relevo a importancia que o Grupo e a revista concedían á arte musical no conxunto da cultura galega