Concentración: Emerxencia lingüística. Precisamos do galego
A plataforma cidadá Queremos galego, composta por máis de 600 entidades e da que forma parte a Asociación Cultural e Musical Solfa, convoca unha concentracións o xoves 19 de decembro ás 20h na Praza do Toural, “en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE” e para “reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa”.
O lema da convocatoria será Emerxencia lingüística. Precisamos do galego, e terá lugar en 7 cidades galegas simultaneamente.
“A evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes”, afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. As taxas de incapacidade para falar galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da historia, consolídase a ruptura interxeracional e aumenta o número de persoas que se senten na obriga de mudar de lingua. “Perante esta situación, reiterada en inumerábeis ocasións pola plataforma Queremos Galego e confirmada polo Comité de expertos e o Consello de Ministros do Consello de Europa”, recorda Maceira, “a única política da Xunta é a agresividade e, segundo os expertos do Consello de Europa, incumprir a Carta e non realizar ningunha acción lexislativa ou política para o facer, nomeadamente no ámbito do ensino”.
“Se Feixó tivese un mínimo de respecto por Galiza e pola institución que representa”, asegura o voceiro de Queremos Galego, “xa tería derrogado hai anos o decreto contra o galego”. A resposta da sociedade galega continúa activa e de novo co respaldo da máis relevante institución internacional europea para a defensa da democracia e dos dereitos humanos, como é o Consello de Europa.
A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia. Neste sentido, a entidade recorda que as dificudades de uso do galego na xustiza ou na administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal destinado en Galiza.
“A situación é de emerxencia e o galego é necesario para o desenvolvemento cultural, social, económico e humano de Galiza”, recordan: “Precisamos do galego para Galiza existir “.