Cargando imaxes...
Asociación Solfa > Actualidade > 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro. #abrideAfiestra

24 de febreiro Día de Rosalía de Castro. #abrideAfiestra

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o 24 de febreiro como “Día de Rosalía de Castro”. Esta entidade realiza un labor incesante para dar  visibilidade e relevancia á súa obra e incide nos centros educativos para que Rosalía chegue a ser apreciada por todo o alumnado como escritora de referencia.

Desde 2010 a AELG propón á cidadanía que o día 24 de febreiro obsequie unha flor e un libro en galego. A homenaxe que se lle renderá no Panteón de Galegos Ilustres o 181 aniversario do seu nacemento quere lembrar a escritora insubmisa ante as inxustizas, a transgresora dos roles predefinidos e das fronteiras que coutan as nosas arelas; a voz poderosa e doce, enérxica e delicada que desenmascara a dobre moral, a falsidade, a explotación, a insolidariedade. Como recolle María Raimondez no manifesto deste ano: “Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe…” coñecer a obra de Rosalía é un primeiro chanzo para que a fiestra non se peche nunca máis.

A coral de Solfa, poñeralle voz a catro poemas:

  • Has de cantar (Poema de Rosalía de Castro; música de Antonio B. Celada)
  • Negra Sombra (Poema de Rosalía de Castro; música de Xoán Montes)
  • María Soliña (Poema de Celso Emilio Ferreiro; Música de Antonio Paz Valverde, Arr.: Francisco Tobar Cereijo)
  • Na morte de Castelao (Poema de Ramón Cabanillas; música de Francisco Tobar Cereijo.

Máis información e texto do manifesto: www.aelg.org